Copyright, copyleft e creative commons, entendendo os dereitos de autor.

Repaso polos tres tipos de licenzas para entender cales son as súas diferenzas, deténdonos máis na explicación da creative commons e as súas opcions.


Copyright

O termo “copyright” refírese aos dereitos exclusivos concedidos a un creador ou titular de dereitos sobre a súa obra creativa. Estes dereitos danlle ao creador o control sobre como a súa obra é usada e distribuída, e tamén lles permiten obter beneficios económicos do seu traballo.

Resumo: Non se pode redistribuír nin modificar, só se pode ter para uso persoal. Hai que pagar e pedir permiso para o seu uso parcial ou total.


Copyleft

O Copyleft permite que toda creación que se difunda baixo esta licenza estea a disposición dos usuarios posteriores e que cada persoa que reciba un traballo creativo ou software libre poida usar, modificar e compartir esas modificacións.

O copyleft utiliza licenzas, como a GPL (General Public License), que garanten que as versións modificadas dun traballo se distribúan tamén baixo unha licenza que permita a súa modificación e redistribución.

O obxectivo é garantir a liberdade do usuario final e fomentar a colaboración e o traballo en conxunto, ao contrario de certas formas restritivas de dereito de autor.

Dependendo de que dereitos queira ceder o autor, as veces permítese o uso comercial dos traballos, mentres que noutras ocasións non e así.

Resumo: A obra pódese modificar, copiar o contido e compartir con outros usuarios, incluso modificada e mellorada pódese comercializar.


Creative commons (cc) algúns dereitos reservados

Creative Commons é unha organización sen fins de lucro, as licenzas Creative Commons (CC) foron creadas para facilitar a distribución e compartición de contido creativo mentres se respectan os dereitos dos autores. Estas licenzas ofrecen diferentes graos de liberdade para os usuarios, permitíndolles usar, compartir e modificar o contido baixo certas condicións predeterminadas.

As licenzas de CC baseanse en 4 condicións:

Recoñecemento (Attribution) (BY): Esixe citar ao autor da obra.

Non Comercial (Non Commercial) (NC): Quen utilice a obra non pode obter beneficios económicos.

Sen Obra Derivada (No Derivate Works) (ND): A obra debese distribuír ou difundir sen modificacións.

Compartir Igual (Share Alike) (SA): Implica que tódalas obras derivadas permaneceren sempre baixo a mesma licenza da obra inicial.


Mesturando estas catro obtemos 6 tipos de licenzas diferentes Creative Commons:

Recoñecemento (CC BY):

  • Que permite facer? Permite a redistribución, modificación, adaptación e uso comercial, sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da obra.
  • Que non permite? Non establece restricións adicionais, excepto aquelas que aseguran que os demais respecten a autoría

Resumo: Nesta licenza so tes que mencionar a autoría sen ningunha outra restrición.

Recoñecemento – Compartir Igual (CC BY-SA):

  • Que permite facer? Permite a redistribución, modificación, adaptación e uso comercial, sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da obra e se distribúa a obra resultante baixo a mesma licenza.
  • Que non permite? Non establece restricións adicionais, excepto aquelas que aseguran que os demais respecten a autoría e usen a mesma licenza.

Resumo: Igual ca anterior pero co engadido de que tódalas obras xeradas que teñan orixe nunha obra protexida con esta licenza deberán igualmente ser licenciadas mediante CC BY-SA

Recoñecemento – Sen Derivadas (CC BY-ND):

  • Que permite facer? Permite a redistribución, incluso comercial, sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da obra, pero non se permiten modificacións ou adaptacións.
  • Que non permite? Non permite a creación de obras derivadas baseadas na obra orixinal.

Resumo: Poderás levar a cabo calquera uso, mesmo comercial, sempre ca obra non sexa modificada e recoñezas a autoría.

Recoñecemento – Non Comercial (CC BY-NC):

  • Que permite facer? Permite a redistribución, modificación e adaptación non comerciais, sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da obra.
  • Que non permite? Non permite o uso comercial da obra nin a creación de obras derivadas para uso comercial.

Resumo: Permite calquera uso agás ó comercial. De novo, deberás recoñecer a autoría, pero non será preciso ca obra resultante sexa protexida baixo a mesma licenza BY-NC.

Recoñecemento – Non Comercial -Compartir Igual (CC BY-NC-SA):

  • Que permite facer? Permite a redistribución, modificación e adaptación non comerciais, sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da obra e se distribúa a obra resultante baixo a mesma licenza.
  • Que non permite? Non permite o uso comercial da obra nin a creación de obras derivadas para uso comercial.

Resumo: non se permite o seu uso comercial e ademais a obra resultante deberá estar protexida pola mesma licenza BY-NC-SA. Por suposto tamén recoñecer autoría.

Recoñecemento – Non Comercial – Sen Derivadas (CC BY-NC-ND):

  • Que permite facer? Permite a descarga das obras e compartilas coa xente sempre e cando recoñezas a autoría, pero non podes facer uso comercial da obra nin crear obras derivadas.

Resumo: Permite compartila obra recoñecendo a autoría. Non se permiten nin modificacións nin usos comerciais.


Hai unha máis pero non se considera licenza verdadeiramente.

ningún dereito reservado (CC0)

CC0 ou Creative Commons Zero non se considera unha licenza como tal, senón máis ben, un ofrecemento da obra ao dominio público.

O autor renuncia a tódolos dereitos sobre a obra na medida ca lei do seu país llo permita, en España por exemplo non se pode renunciar os dereitos morais das obras.

Non se precisa o recoñecemento nin a referencia. Utilizando esta licenza liberas a túa obra de restricións de propiedade intelectual a nivel mundial.


Para atopar a licenza Creative Commons axeitada a web de Creative Commons ofrécenos un asistente

https://chooser-beta.creativecommons.org/?lang=es_ES

O rematalo terás unha ligazón co código da licenza escollida, para poñer na túa web ou en calquera soporte onde vaia atoparse a túa obra.

É importante comprender estas licenzas para asegurar que o contido se comparta e use de acordo coas condicións desexadas polo autor. Os creadores poden elixir a licenza que mellor se adapte á súa intención de uso e distribución do seu traballo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario